lunes, 18 de julio de 2011

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (13)

Guerreiro de Noste

Guerreiro de Noste iba polo monte, cruzando a serra que chaman Arneiro, cando se atopóu cun home que levaba un paraugas enorme, mais alto que el, e a tela de color cincento. Guerreiro deulle os bos días, e ademiróuse do tamaño do paraugas, que nunca outro vira.

—Eso non é nada!, dixo o home, que era regordete e colorado, e lucía grandes bigotes.

E amosóulle a Guerreiro o puño do paraugas, que era un rostro humán, con barba de pelo e ollos de cristal, e a boca, colorada e aberta, parecía a un home vivo.

—Vaia boca!, dixo Guerreiro.

—¡Paraguas saca la lengua!, dixo en castelán o home.

E pola boca aquéla sacóu o paraugas a lingua, longa e roxa coma a dun can, que lambéu mui agarimosamente a man do pequeno.

«Guerreiro de Noste», Xente de aquí e acolá, Editorial Galaxia, Vigo, 1971.

Pontes de Meirado

Conocín a Pontes de Meirado fai moitos anos. Xa era Pontes un home maduro. Dende os dezasete anos fumaba en cachimba e gastaba sombreiro. Alto, fraque, moreno, sempre acatarrado, envolvía nunha bufanda a franxas verdes e roxas o longo pescozo, no que lle xurdía unha grande noz, afiada e pilosa, sempre inqueda. Fumando, botaba fume arreo pola boca e os fuciños, e coido que polas orellas e máis os ollos. O sombreiro quebaba acolá enriba, envolveito na espesa fumareda. E coma dunha fonda cova saía a súa voz ronca, opinando sober dos antípodas, nos que non creía. O gran argumento de Pontes era o do desliz: si un boreal se tumba e esbara buscando a Australasia, e un austral déitase e esbara buscando a Borealasia, chegará un momento no que as prantas dos pes se toquen. Istes dous serían verdadeiros antípodas. Agora ben, ¿sóupose dalgún que esbarase pra arriba? Os que falan dos antípodas, falan como si a Terra fose cha de todo, e a Terra é redonda. Esto, nas barberías, era argumento de moito peso.

«Pontes de Meirado», en Xente de aquí e de acolá.


No hay comentarios:

Publicar un comentario