sábado, 31 de diciembre de 2011

Aniversario

31 de decembro:
75 aniversario do pasamento de Miguel de Unamuno







Tanto o lazo coma os peixes fanse cos mesmos plegues da pajarita



jueves, 22 de septiembre de 2011

viernes, 9 de septiembre de 2011

Efectos sonoros: disparos

Precísase un anaco dunha vara de madeira de 5x3 (se é de 6x3 non pasa nada) das que se empregaban para face-las remas, A lonxitude depende da estatura da persoa que vai realiza-lo efecto, pero, en xeral, non menos de 60 cm.

A vara apoiase no chan  (preferoblemente de madeira) e a outra punta agárrase coa man. Faise coa man e co pé do mesmo lado (man dereita-pé dereito, man esquerda-pé esquerdo).
O caso é que non instantes anteriores ó "disparo", todo o peso do corpo debe recaír sobre a parte pasiva. No intre preciso a man solta a vara e o pé activo debe presionala  con forza suficiente para que, ó  golpea-lo  chan, a vara quede "clavada", é dicir que non rebote.
Convén que o son se orixine no lugar máis próximo posible á posición do actor que "dispara". Se se trata dun tiroteo, os disparos deben estar feitos por diferentes persoas desde posicións diferentes.
Este efecto aprendeumo Ricardo Outes, que fora tramoista do Teatro Principal de Santiago de Compostela.

martes, 2 de agosto de 2011

lunes, 18 de julio de 2011

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (15)

"A noite vai coma un río" (fragmento)
As fotografías que aparecen nas entradas
"Homenaxe aÁlvaro Cunqueiro" foron realizadas por L.F.











Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (14)

Conferencia «A historia da cultura galega»

Centro Galego de Lisboa-Xuventude de Galicia, en 1970


Cando as lexións románs chegaron a Fisterre —conta Valeiro Flavio— que os soldados, ó ver o sol asolagarse no océano, escoitaron algo así como o runxido que fai un ferro o roxo vivo que se mete na fragua do ferreiro e axoenlláronse e di... que estaban presos dun relixioso terror: chegaran ó fin do mundo e viran a morte do sol...

Pero polo sur, antes de chegar ó Fisterre, cando as lexións romás chegaron ó río Lima, creron que era un río famoso na mitoloxía greco-latina, creron que era o Letheo, o río do olvido. Os que pasaban aquel río, ó chegar a outra ribeira, esquencían a lengua que falaban, esquencían os nomes propios, os nomes das súas familias e os rostros, xa non sabían de onde eran, apátridas, vagabundos, sen noites nin días polo mundo.

E non quixeron cruzar o Lima e tuvo que ser o propio xefe das lexións, Décimo Xuño Bruto, quen pasou a cabalo e dende a outra ribeira empezou a chamar ós lexionarios polo seu nome, a dicirlles as batallas nas que estiveran xuntos, as xentes que o coñeceran e ata os nomes das familias e os nomes das terras de onde proviñan.

E entón, convencidos de que aquel non eran o Letheo aquelas augas mansas que van verdes entre xunqueiras, creron de verdade que non era o río do esquezo e pasárono e emprenderon a conquista de Galicia, a romanización de Galicia. De modo que Galicia é nin máis nin menos unha terra que ten a cabeza onde remata o mundo coñecido e ten os pés no Río do Esquezo.

Realmente non pode haber país máis estrano, non pode haber país que estea máis lonxe, e que de máis lonxe veña a entrar dun xeito ou outro na grande historia humán.

O ouro escondido

Namentres a xente nosa fale do ouro escondido, é que estará viva en nós a ledicia imaxinativa, e seremos aínda máis ricos por soñar con tesouros que tendo tódolos tesouros do mundo nunha arca gardada. Valen máis escondidos. Vai un por un camiño, nos doces mediodías de outono, e choviña, e parece que naquela miranda veciña brilla algo entre a herba, e un párase e soña cunha fada que ten na súa man un peite de ouro. Esto non fai dano a ninguén. Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder a merindade dos tesouros do mundo. Cando eu escoito nagunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos.

De Tesouros novos e vellos. Algunhas imaxinacións sobre tesouros. «Discurso de ingreso na Real Academia Galega».

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (13)

Guerreiro de Noste

Guerreiro de Noste iba polo monte, cruzando a serra que chaman Arneiro, cando se atopóu cun home que levaba un paraugas enorme, mais alto que el, e a tela de color cincento. Guerreiro deulle os bos días, e ademiróuse do tamaño do paraugas, que nunca outro vira.

—Eso non é nada!, dixo o home, que era regordete e colorado, e lucía grandes bigotes.

E amosóulle a Guerreiro o puño do paraugas, que era un rostro humán, con barba de pelo e ollos de cristal, e a boca, colorada e aberta, parecía a un home vivo.

—Vaia boca!, dixo Guerreiro.

—¡Paraguas saca la lengua!, dixo en castelán o home.

E pola boca aquéla sacóu o paraugas a lingua, longa e roxa coma a dun can, que lambéu mui agarimosamente a man do pequeno.

«Guerreiro de Noste», Xente de aquí e acolá, Editorial Galaxia, Vigo, 1971.

Pontes de Meirado

Conocín a Pontes de Meirado fai moitos anos. Xa era Pontes un home maduro. Dende os dezasete anos fumaba en cachimba e gastaba sombreiro. Alto, fraque, moreno, sempre acatarrado, envolvía nunha bufanda a franxas verdes e roxas o longo pescozo, no que lle xurdía unha grande noz, afiada e pilosa, sempre inqueda. Fumando, botaba fume arreo pola boca e os fuciños, e coido que polas orellas e máis os ollos. O sombreiro quebaba acolá enriba, envolveito na espesa fumareda. E coma dunha fonda cova saía a súa voz ronca, opinando sober dos antípodas, nos que non creía. O gran argumento de Pontes era o do desliz: si un boreal se tumba e esbara buscando a Australasia, e un austral déitase e esbara buscando a Borealasia, chegará un momento no que as prantas dos pes se toquen. Istes dous serían verdadeiros antípodas. Agora ben, ¿sóupose dalgún que esbarase pra arriba? Os que falan dos antípodas, falan como si a Terra fose cha de todo, e a Terra é redonda. Esto, nas barberías, era argumento de moito peso.

«Pontes de Meirado», en Xente de aquí e de acolá.


sábado, 16 de julio de 2011

Da miña bitácora


Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (12)

Na cociña colgan...

Na cociña colgan os touciños, os xamóns, os lacóns, a cachucha, as orellas, o dente, o rabo. Está un home comendo unhas papas pola noite, ou tomando un caldo, e bótalle unha ollada a toda aquela colleita, e ao millor apetécelle un torrezno, e os millores torreznos son polo delgado i enfrebado, ou ao millor non, pro o ánimo descansa un pouco naquela abundancia, que é o compango de días que virán, e que pra moitos casáis labregos non é tal abundancia, senón a escasa carne cotián que amolece as berzas ou cimóns, as nabizas no seu tempo, e que cunhas patacas e unhas cuncas de leite fai almorzos e ceas. Os torreznos máis sabrosos son os feitos nas brasas, non

moi gordos, pro tampouco moi delgados, que entón tórranse e non teñen gracia. Un bó torrezno debe levare da pel e da parte na que traballóu o sal, que sempre fica algunha. Entre pan, apértase o torrezno, i...

“A cociña galega”, editorial Galaxia, 1973.

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (11)

Noivado IV

Noite azul de silencio
esquina de sí mesma
ouvida polas amables
galerías da lúa.

Ninguén pensa a lonxana
melancolía morna
dos espellos de loito
dos teus ollos primeiros.

Creciches como donda
anguria de vidrados
aramio sin resposta
do teu sexo solícito.

De unha luz naufragada
entre roseiras verdes
fixeche quince anos.
- Un abano con paxaros.

A noite que non desce
vóltate a nós agora
coma ponte sin río
ou fiestra en terra firme.

Unha estampa de sono
a tua fábula afoga
núos os teus cabelos
de antiga noiva nova.

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (10)

Acolá están as illas...

Acolá están as illas.
Paso a man polo lombo do vento
que mas deu coma un can no monte dá perdiz
agardo que se ergan e voen sobre o mar.

A alma anda nestes inventos porque non lle abonda
o que é como é do mundo
quixer facer pombas con auga e amieiros de pruma
e en vez de carro que polos camiños do monte
baixase cantando a lúa arrastrada
por un tiro de peixes prateados.

- Pro estes inventos soio sirven
pra distraer a alma das suas contas,
tanto de amor e bágoas, dez por cento
de perdidos amores, e oitenta de soedade
que a vistes áspera como unha camisa de estopa
e queres pór unha ollada de seda no mencer
e nóna tés, veciño da tristura e do medo
a metade de ti morto sin enterrar
pra que a outra metade se decate.
Entón disimulando canto, e coas mentiras
fágome unha sorrisa de xardín en festas.

HAI UNHA ILLA LOUBADA

Hai unha illa loubada

Alá no fondo do mar.

Ten bois da color do tempo

E pastoras de cristal.

Ten un río de paxaros

Que desemboca en canción.

Paxaros mornos de illa

Cos seus niños no sol.

Ten lúa nova e crecente

E ollos para decir ai lá!

A boca tena pechada

Para vendimas de sal.

E ten un cabelo novo,

Ai amor! Que pelo ten.

Cheiro profundo de alga

E sabor limpo de mel.

Illa
Illa: oco insumiso
infantil xogo:
xa non estás
entre a tua mesma luz.
Xa rodas lonxe dobregada en todo,
¡qué perfeita e qué descoñecida!
illa.

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (9)

LE VERSE

Ese vento de seda é o tempo que pasa.
Soñades a doce primavera de antano
nesa frol que refrexa o seu van no negro pozo dos vosos ollos?

Le temps s'en va!

-Esas volvoretas que abanan a raiola do sol
son as suas tocas cobixando as pálidas frontes.
Soñaredes aínda no ouso do Vilar os soñares do tempo pasado?

Le temps s'en va!

Ese enorme silencio cristaíño e dourado!
Si vos agora falares, miñas donas amigas,a vosa voz enchería, como unha fonte de ágoa, o vaso do silencio?

Le temps s'en va!

Ei, donas do Vilar! Erguede os finos rostros e sorride,
que andan galáns de corte con soedades de vós!
Agás que prefirades vélos morrer de amor,
Le temps s'en va.
Le temps s'en va, mes dames!



L'ENVOI
De todolos amores o voso amor escollo:
Miñas donas Giocondas, en vós ollo
todalas damas que foron no país,
unhas brancas camelias, outras froles de lis.

Le temps s'en va! 

Ou dádesme ese bico
que cheira a rosas de abril do Mil e Pico
ou finarei chorando na miña soedá,
namentras envellezo:

Le temps, le temps s'en va!

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (8)

Quechemarín da verde bandeira

Quechemarín da verde bandeira,

o mariñeiro ú é?

Ondas amigas do mar levado,

o mariñeiro ú é?

Norés que tés a aza lixeira,

o mariñeiro ú é?

Ti sirea que cantas soñado,

o mariñeiro ú é?

Limós no áer

navíos no mar,

prendas de amante

pra quén serán?

Ai!, xa sinto os remos madre no mar,

meu amigo novo non tornará!

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (7)

Si miña señor á i-alba de Arousa beilar

Si miña señor á i-alba da Arousa beilar

poñereille, belida, un ventiño no mar.

A dorna vai e ven

que meu amor ten!

Poñereille unha frauta e máis un reiseñor

e unha longa soedade coma a da mar maior

A dorna vai e ven

que meu amor ten!

Na illa de Cortegada poñereille un galán

por pastor das mareas co seu remo na man.

A dorna vai e ven

que meu amor ten!

Poñereille unha gaita no bico da ría

e unha avelaneira no medio do día.

A dorna vai e ven

que meu amor ten!

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (6)

Outono cedo de gaitas

Outono cedo de gaitas,
moceiro de ledas choivas,
¡meu nemigo!

Catro luces do teu sono
leváronme catro noivas,
¡meu nemigo!

Catro noivas color verde,
vestidas de branco liño,
¡meu nemigo!

Eran catro amores grandes,

só quedoume un pequeniño
¡meu nemigo!







Agora trobo...

Agora trobo o vento e máila lúa fría,
non o cervo do monte que a ágoa volvía.

Agora trobo o mare e máila nao veleira
non a amiga que canta só da abelaneira.

Agora trobo a lúa e máilo vento irado,
non o cervo do monte, meu amigo pasado.

Agora trobo a nao e máila mar maior,
e non aquela amiga, miña branca señor.



miércoles, 13 de julio de 2011

Da miña bitácora






Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (5)


A dona que eu amo e teño por señor

A dona que eu amo e teño por señor
amostrádema, Deus, se vos én pracer for,
senón, dádema morte.
 
A que teño eu por lume destes ollos meus
e por que choran sempre, amostrádema, Deus,
senón, dádema morte.
 
Esa que Vos fecestes mellor parecer
de quantas sei, ¡ai Deus!, fácedema veer,
senón, dádema morte.
 
¡Ai, Deus!, que ma fecestes máis ca min amar,
¡Ai, Deus!, mosrtrádema ú posa con ela falar,
senón, dádema morte.

Cantiga número VI de amor cortés.

O cabaleiro da pruma na gorra

meu amigo é.

O cabaleiro do verde tabardo

meu amigo é.

Ogallá que na guerra non morra,

meu amigo é.

Non de frecha, de asta nin dardo,

meu amigo é.

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (4)


A dama que ía no branco cabalo
A dama que ía no branco cabalo
levaba un pano de seda bordado,
Na verde fror
as letras van de amor!
 
O cabaleiro do cabalo negro
levaba unha fita colléndolle o pelo.
Na verde fror
as letras van de amor!
 
No medio do río cambiaron as vistas,
el para o pano e ela pra fita.
Na verde fror
as letras van de amor!
 
As vistas lles viron no río cambiar
e o pano e a fita por se namorar.
Na verde fror
as letras van de amor:
Con amor vivirás!

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (3)


Con auga de sede vella
Con auga de sede vella
namorar eu namoreina,
meu amigo!

Con unha herba lixeira
namorar eu namoreina,
meu amigo!

Namorar eu namoreina
con unha cantiga leda
meu amigo!

Namorar eu namoreina
con áer da primaveira,
meu amigo!

lunes, 11 de julio de 2011

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (2)


Cantiga nova que se chama riveira

No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quen poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.Quen poidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!Quen poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quén poidera namorala,
meu amigo!


SOEDADES DA MIÑA BRANCA SEÑOR

Escóitasme así, miña señor amada,

cando do peito meu o trobo arde,
ou atrás de tí a sombra do meu soño
loucamente á túa apreixa e bica?

Ouh doce o peso do teu corpo no meu maxín deitado!

Neste río do meu vagar sin fin,

¿que incendiado navío non navegas na noite?

¿Por que este corazón tanta frol mucha?

¿por que non é mortal de tanto lume a cinza?

¿por que inda son eu de tanta verba a boca?


Miña branca señor, corpo delgado:
este bosque é do tempo da máis recente lúa,
i ese malvís que tanto aér enfrauta
cada día que amence renasce e asubía.

pra brincar fora desta lingua de lume?

Amante, no meu vaso aínda canta a sede.
Esa lúa nevada, amor, que do teu corpo
medra coa noite sober das cumes dos meus ollos!

Deixa que rose, ao arrimo das cerdeiras,
nas illas dos teus ollos, ai,
Adormece ao meu carón, namentras quebra o día
baixo un teito de alaudas, tímidas cantadoras,
e pouco a pouco amósase ao meu rostro!

¿Fai falla, quezáis, un cabalo roxo
ou unha aza mortal e fría

pra brincar fora desta lingua de lume?

viernes, 8 de julio de 2011

Da miña bitácora


Homenaxe a Álvaro Cunqueiro


HOMENAXE A ÁLVARO CUNQUEIRO

Sede da Fundación Eugenio Granell, 28 de Xuño de 2011

Programa

I.- A poesía neotrovadoresca:

1. Cantiga nova que se chama riveira

2. Soedades da miña branca señor

3. Con auga de sede vella

4. A dama que ía…

5. A dona que eu amo…

6. O cabaleiro da pruma na gorra

7. Outono cedo de gaitas

8. Agora trovo…

9. Amor de auga lixeira

10. Quechemarín

11. Si miña señora…

Varias:

12. Alma…

13. Noivado IV

14. Rondeau…

As Illas:

15. Acolá están as illas…

16. Hai unha illa loubada

17. Illa

A Prosa:

18. Pontes do Meirado

19. Guerreiro de Noste

20. Na cociña colgan…

21. De tesouros novos vellos…

22. Conferencia “a historia da cultura galega”

Teatro:

23. “A noite vai coma un río”

Da miña bitácora



Da miña bitácora