sábado, 16 de julio de 2011

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro (10)

Acolá están as illas...

Acolá están as illas.
Paso a man polo lombo do vento
que mas deu coma un can no monte dá perdiz
agardo que se ergan e voen sobre o mar.

A alma anda nestes inventos porque non lle abonda
o que é como é do mundo
quixer facer pombas con auga e amieiros de pruma
e en vez de carro que polos camiños do monte
baixase cantando a lúa arrastrada
por un tiro de peixes prateados.

- Pro estes inventos soio sirven
pra distraer a alma das suas contas,
tanto de amor e bágoas, dez por cento
de perdidos amores, e oitenta de soedade
que a vistes áspera como unha camisa de estopa
e queres pór unha ollada de seda no mencer
e nóna tés, veciño da tristura e do medo
a metade de ti morto sin enterrar
pra que a outra metade se decate.
Entón disimulando canto, e coas mentiras
fágome unha sorrisa de xardín en festas.

HAI UNHA ILLA LOUBADA

Hai unha illa loubada

Alá no fondo do mar.

Ten bois da color do tempo

E pastoras de cristal.

Ten un río de paxaros

Que desemboca en canción.

Paxaros mornos de illa

Cos seus niños no sol.

Ten lúa nova e crecente

E ollos para decir ai lá!

A boca tena pechada

Para vendimas de sal.

E ten un cabelo novo,

Ai amor! Que pelo ten.

Cheiro profundo de alga

E sabor limpo de mel.

Illa
Illa: oco insumiso
infantil xogo:
xa non estás
entre a tua mesma luz.
Xa rodas lonxe dobregada en todo,
¡qué perfeita e qué descoñecida!
illa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario