75 aniversario do pasamento de Miguel de Unamuno






Conferencia «A historia da cultura galega»
Centro Galego de Lisboa-Xuventude de Galicia, en 1970
Cando as lexións románs chegaron a Fisterre —conta Valeiro Flavio— que os soldados, ó ver o sol asolagarse no océano, escoitaron algo así como o runxido que fai un ferro o roxo vivo que se mete na fragua do ferreiro e axoenlláronse e di... que estaban presos dun relixioso terror: chegaran ó fin do mundo e viran a morte do sol...
Pero polo sur, antes de chegar ó Fisterre, cando as lexións romás chegaron ó río Lima, creron que era un río famoso na mitoloxía greco-latina, creron que era o Letheo, o río do olvido. Os que pasaban aquel río, ó chegar a outra ribeira, esquencían a lengua que falaban, esquencían os nomes propios, os nomes das súas familias e os rostros, xa non sabían de onde eran, apátridas, vagabundos, sen noites nin días polo mundo.
E non quixeron cruzar o Lima e tuvo que ser o propio xefe das lexións, Décimo Xuño Bruto, quen pasou a cabalo e dende a outra ribeira empezou a chamar ós lexionarios polo seu nome, a dicirlles as batallas nas que estiveran xuntos, as xentes que o coñeceran e ata os nomes das familias e os nomes das terras de onde proviñan.
E entón, convencidos de que aquel non eran o Letheo aquelas augas mansas que van verdes entre xunqueiras, creron de verdade que non era o río do esquezo e pasárono e emprenderon a conquista de Galicia, a romanización de Galicia. De modo que Galicia é nin máis nin menos unha terra que ten a cabeza onde remata o mundo coñecido e ten os pés no Río do Esquezo.
Realmente non pode haber país máis estrano, non pode haber país que estea máis lonxe, e que de máis lonxe veña a entrar dun xeito ou outro na grande historia humán.
O ouro escondido
Namentres a xente nosa fale do ouro escondido, é que estará viva en nós a ledicia imaxinativa, e seremos aínda máis ricos por soñar con tesouros que tendo tódolos tesouros do mundo nunha arca gardada. Valen máis escondidos. Vai un por un camiño, nos doces mediodías de outono, e choviña, e parece que naquela miranda veciña brilla algo entre a herba, e un párase e soña cunha fada que ten na súa man un peite de ouro. Esto non fai dano a ninguén. Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder a merindade dos tesouros do mundo. Cando eu escoito nagunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos.
Guerreiro de Noste
Guerreiro de Noste iba polo monte, cruzando a serra que chaman Arneiro, cando se atopóu cun home que levaba un paraugas enorme, mais alto que el, e a tela de color cincento. Guerreiro deulle os bos días, e ademiróuse do tamaño do paraugas, que nunca outro vira.
—Eso non é nada!, dixo o home, que era regordete e colorado, e lucía grandes bigotes.
E amosóulle a Guerreiro o puño do paraugas, que era un rostro humán, con barba de pelo e ollos de cristal, e a boca, colorada e aberta, parecía a un home vivo.
—Vaia boca!, dixo Guerreiro.
—¡Paraguas saca la lengua!, dixo en castelán o home.
E pola boca aquéla sacóu o paraugas a lingua, longa e roxa coma a dun can, que lambéu mui agarimosamente a man do pequeno.
«Guerreiro de Noste», Xente de aquí e acolá, Editorial Galaxia, Vigo, 1971.
Pontes de Meirado
Conocín a Pontes de Meirado fai moitos anos. Xa era Pontes un home maduro. Dende os dezasete anos fumaba en cachimba e gastaba sombreiro. Alto, fraque, moreno, sempre acatarrado, envolvía nunha bufanda a franxas verdes e roxas o longo pescozo, no que lle xurdía unha grande noz, afiada e pilosa, sempre inqueda. Fumando, botaba fume arreo pola boca e os fuciños, e coido que polas orellas e máis os ollos. O sombreiro quebaba acolá enriba, envolveito na espesa fumareda. E coma dunha fonda cova saía a súa voz ronca, opinando sober dos antípodas, nos que non creía. O gran argumento de Pontes era o do desliz: si un boreal se tumba e esbara buscando a Australasia, e un austral déitase e esbara buscando a Borealasia, chegará un momento no que as prantas dos pes se toquen. Istes dous serían verdadeiros antípodas. Agora ben, ¿sóupose dalgún que esbarase pra arriba? Os que falan dos antípodas, falan como si a Terra fose cha de todo, e a Terra é redonda. Esto, nas barberías, era argumento de moito peso.
«Pontes de Meirado», en Xente de aquí e de acolá.